Con máis de 60 quilómetros de costa e unha riqueza mariña envexable, non é de estrañar que moitos dos veciños do Morrazo dedicasen as súas vidas ao mar e á navegación. Antigas fábricas de salgadura que se remontan á época dos romanos, grandes conserveiras que transformaron o que hoxe podemos atopar nas nosas mesas e unha frota de baixura e altura aínda en activo, son só algúns dos exemplos representativos do turismo industrial no Morrazo.
Propoñémosvos unha viaxe polo pasado, presente e futuro do Morrazo e a súa industria:
A tradición: carpintería de ribeira, redes e cordas mariñeiras
Existen numerosas artes tradicionais mariñeiras que co paso do tempo se foron perdendo por todo o mundo. A construción de barcos tradicionais de madeira de forma artesanal, é unha delas. No Morrazo, esta arte mantense viva a través de asociacións como Sueste, que promoven encontros de embarcacións tradicionais e realizan obradoiros e cursos nas súas instalacións no estaleiro de Calragho (Moaña).
Para os que desexan coñecer como é o interior dun estaleiro tradicional, é posible visitar por fóra o coñecido como Estaleiro de Purro ou da Banda do Río, último estaleiro de carpintería de ribeira que estivo activo na ría de Pontevedra. Uns paneis transparentes deixan ver o seu interior e algunhas das barcas que se construíron entre as súas paredes.
Outra das artes tradicionais intimamente conectadas co mar é a da confección de fíos, cabos e cordas. En Moaña, o Museo das Carreiras homenaxea esta arte a través dunha exposición ao aire libre con antigas máquinas e aparellos que se usaron con esta fin na parroquia de Meira dende o século XIX até o XX.
E, moi relacionado con anterior, cada un dos portos de Bueu, Cangas e Moaña contan coa súa propia nave de redeiras, un espazo no que as mans expertas das atadoras e dos atadores reparan as redes do cerco, as mallas de arrastre e canto aparello chega ás súas mans procedentes dos portos das rías de Vigo e de Pontevedra. Aínda que non están abertas as visitas de forma oficial, a súa animada conversación tende a dar a benvida ao viaxeiro que se achega até aquí con curiosidade e ganas de aprender algo máis sobre as artes tradicionais mariñeiras.
O pasado conserveiro e baleeiro: os salgadoiros e as grandes industrias da pesca
Xa dende os romanos, o territorio do Morrazo estivo moi ligado tanto á pesca como ó comercio cos produtos do mar. Desta época consérvanse os restos dun salgadoiro do século II, na praia da Pescadoira. Aínda que non está musealizado, os obxectos e curiosidades atopados nel pódense visitar no Museo Massó de Bueu.
Non é o único exemplo do pasado industrial que durante séculos transformou a grande abundancia de sardiñas nas rías de Vigo e Pontevedra nunha das industrias alimentares fundamentais de España: pódense atopar numerosos salgadoiros nas costas do Morrazo, hoxe abandonadas ou rehabilitadas para outros usos pola transformación da industria da conserva e o empuxe dos novos sistemas produtivos.
Un destes exemplos de fábricas rehabilitadas é a da Casa de Aldán, un peculiar establecemento de turismo rural situado na fronte do porto de Aldán e gañadora do premio de arquitectura Europa Nostra pola recuperación que se fixo do espazo da antiga salgadura. Elementos como os tanques de salga, que se poden ver baixo o chan do restaurante, o patio da entrada e lugar do primeiro tratamento do peixe ou detalles de cantería e das madeiras permiten visualizar o que foi no seu momento unha activa fábrica de salga.
E se falamos da gran industria conserveira galega, é esencial falar dos Massó. A súa fábrica, creada en 1816 como o salgadoiro ‘La Perfección’ e tan só catro homes e sete mulleres de persoal, pronto se converteu nunha gran conserveira e en 1870 xa empregaba a máis de 1.000 persoas e diversificara a súa produción a produtos novos como o mexillón ou os berberechos.
En 1919, os Massó contaron coa primeira liña telefónica privada de España e a súa fábrica sería a primeira en utilizar a electricidade nos seus procesos produtivos. Chegou a contar co seu propio varadoiro para a reparación de barcos pesqueiros, gardería, hospedería, unha central eléctrica privada e vivendas para os traballadores. Como dato curioso, a familia rexentou durante décadas a que foi unha das poucas baleeiras de Galicia.
Hoxe en día, da grande conserveira Massó, desaparecida a finais do século XX, queda unha extensa colección de aparellos, barcos, curiosidades e recordos, que se poden visitar na sede da antiga fábrica en Bueu, hoxe convertida no Museo Massó.
Do resto da mazá de casas que ocupaba a fábrica en Bueu quedan, ás costas do museo, a antiga cheminea e algunhas das árbores que do que foi o xardín botánico da familia. Están ambas as dúas na praza Massó.
Xa en Cangas, a que foi a “nova” fábrica Massó, inaugurada en 1942, recórdanos un pasado industrial modernista no que participaba case todo O Morrazo e que hoxe se pode visitar por fóra a través dun paseo que conecta a factoría con Punta Balea e a antiga baleeira.
O presente: portos e lonxas
O presente industrial do Morrazo segue conectado co mar e a innovación. Grandes conserveiras, estaleiros e industrias de distintos sectores teñen establecido as súas sedes nesta contorna protexida no océano Atlántico. Pero se hai un lugar onde é posible coñecer máis sobre O Morrazo e a súa riqueza, son os seus portos e lonxas.
Hoxe en día, visitar os portos de Cangas, Bueu, Aldán e Moaña, é unha gran forma de descubrir a evolución das artes de pesca, dende os grandes barcos que van aos caladoiros do Gran Sol, Mauritania ou Malvinas, entre outros, e os barcos de baixura e a frota artesanal que captura o polbo nas rías de Vigo e de Pontevedra. Nasas, redes, obradoiros de reparación ao aire libre… son elementos comúns que enmarcan a continua saída e entrada de embarcacións.
Para o que queira descubrir a peculiar arte da poxa de peixe, a lonxa de Bueu conta cun espazo dedicado ás visitas foráneas, dende onde descubrir novas especies e coñecer de primeira man os famosos polbos de Ons e as vieiras que se capturan na contorna de Cabo Udra.
Outras industrias: Canteiras e gastronomía do Morrazo
O mar non é o único elemento xerador de riqueza na historia do Morrazo. As súas elevadas montañas e a veciñanza con outros centros produtivos fixeron das súas canteiras un importante centro de producion e comercialización de pedra. En Moaña, as canteiras orixinais atópanse xa en desuso dende inicios do século pasado, pero unha visita á praia do Cocho permite descubrir este recurso patrimonial único que chegou a ter a súa propia fala, o “entenderecho”.
A gastronomía, con industrias como a do viño e a súa característica ‘Tinta Femia’, as modernas instalacións de conserva en activo, ou recursos etnográficos como os muíños de auga, algúns deles aínda en uso, completan unha oferta industrial de gran interese patrimonial e cheo de sabor.
Engádeo á túa lista:
Estaleiro da Banda do Río o de Purro: GPS 42.3266577,-8.7898781
Enderezo: Avda. de Montero Ríos S/N, Praia da Banda do Río, Bueu
A Casa de Aldán: GPS 42.281291-8.820543
Dirección: Avda. José Graña, 52, Puerto de Aldán (San Cibrán), Cangas.
Museo Massó: GPS 42.3269039, -8.7854398
Enderezo: Montero Ríos, s/n, Bueu (San Martiño)
Antiga fábrica Massó en Cangas: GPS 42.254608 -8.788721
Enderezo: Paseo Marítimo do Salgueirón, Cangas.
Canteiras de Moaña – Canteira do Cocho: GPS 42.254608 -8.788721
Enderezo: Paseo Marítimo do Salgueirón, Cangas.
Museo das Carreiras: GPS 42.2846558, -8.7207819
Enderezo: Rúa Porto de Meira (Santa Eulalia), Moaña
Porto de Bueu e Lonxa: GPS 42.3280428,-8.7844691
Enderezo: Rúa de Montero Ríos, 4, Bueu