Torre de Meira

A Torre de Meira é unha antiga fortaleza medieval que comprendía apenas uns 96 metros cadrados localizada no cume dun monte a 140 metros de altura sobre o que se domina toda a ría de Vigo. As ruínas que alí había dun antigo castelo derrubado entre os anos 1467 e 1469 polos Irmandiños foron recuperadas e na actualidade é un lugar de obrigada visita en Moaña. Trátase dun enclave catalogado como Ben de Interese Cultural .

A restauración da Torre de Meira conseguiu reconstruír parte da fortaleza medieval que coroa o monte da Torre, miradoiro de excepción sobre a ría de Vigo. Durante os traballos de posta en valor deste enclave localizáronse máis dun cento de perpiaños da torre orixinal o que permitiu restaurar até dous metros de altura nunha zona e setenta centímetros noutra. A localización desas pedras de cantería, de entre 100 e 500 quilos de peso, pertencentes á torre que mandou construír a mitra compostelá a finais do século XIV ou comezos o XV, foi chave para a restauración nesta zona escavada de 54 metros cadrados de superficie.

A torre restaurada foi derribada en primeiro lugar polos Irmandiños no año 1468 e despois por Pedro Álvarez de Sotoumaior, tamén coñecido como Pedro Madruga, que mandou ao maxistrado Juan Fernández que a destruíra totalmente en 1476. Dende aquela a torre mantívose  como ruína. Sobre o lugar recaen varias mitos e lendas como as que falan dunha cova cunha ola de ouro e outra de veleno, galiñas de ouro, batallas e mesmo mouras. A torre foi escavada no ano 1976, atopándose material cerámico metálico, ósos e outros materiais depositados no Museo de Pontevedra.

Seis séculos despois volve tomar forma coa idea de arroxar luz sobre a historia local facilitando o seu coñecemento. Grazas aos traballos de recuperación, descubriuse tamén que a torre non tiña unha porta en superficie, senón en altura. O proxecto vaise completar coa sinalización do lugar.

O conxunto, escavado no ano 1976, estaba composto dunha torre de vixilancia, un patio de armas, unha muralla e un foxo. A Torre de Meira pertenceu ás casas nobiliarias de Meira e Valadares para exercer o seu dominio na zona. A súa ocupación data do século XV.

No miradoiro hai un merendeiro. A 100 metros do miradoiro da Torre localízanse os petróglifos de Meira, con boa información e sinalización no lugar. Ao lugar accédese por estrada e existe un aparcadoiro para deixar os vehículos.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.