Cunha xeografía única que combina á perfección paisaxes de costa e bosques únicos, a península do Morrazo é un dos territorios favoritos para a práctica do sendeirismo no sur de Galicia. Unha contorna que invita a desconectar das preocupacións do día a día e a reconectar coa natureza e as tradicións que caracterizan a este territorio.
Dentre os máis de 50 sendeiros e roteiros que percorren os concellos de Moaña, Cangas e Bueu, seleccionamos algunhas das máis diferentes. Ves de ruta ó Morrazo?
Arrancamos polo coñecido como Camiño Real de Tirán, que pasa por catro núcleos históricos e distintos paisaxes tradicionais e mariñeiros, recuperando a vía de comunicación tradicional entre os concellos de Moña e Cangas. Un percorrido de interconexión urbana que cada ano se vai ampliando un pouco máis e que vai camiño de converterse na rúa peatonal máis longa de Galicia.
O sendeiro pasa polas paisaxes literarias do último libro de Domingo Villar “O último barco”, está preparada para ser usada tamén por ciclistas e inclúe guías para invidentes, co propósito dunha maior accesibilidade.
Datos da ruta:
Punto de partida: Praia de O Con
Lonxitude: En expansión con 2,9 quilómetros en Moaña e 2,4 en Cangas.
Dificultade: baixa e accesible
O río da Fraga pon nome a este sendeiro de alto valor ecolóxico no que pequenas fervezas e pozas, canastros en antigos muíños de auga en distinto estado de conservación (uns 30 en total) comparten o espazo dentro dunha máxica fraga que penetra na montaña.
Este roteiro conta con distintos puntos de aceso, sendo o máis popular a que arrinca na vila mariñeira de Moaña e vai subindo pola fraga ata o coñecido como Miradoiro da Fraga. En calquera dos dous sentidos, trátase dunha das rutas de interior máis bonitas do Morrazo e unha das favoritas dos sendeiristas no concellos de Moaña.
Datos da ruta:
Punto de partida: Praia da Xunqueira
Punto de chegada: Miradoiro da Fraga
Lonxitude: 15 quilómetros (lineal) con seccións máis curtas de ata 10 quilómetros.
Dificultade: Baixa
Pequenas praias de area branca, grutas, furnas e augas de cores turquesa salpican a costa pola que transcorre o sendeiro de terra que une as praias de bandeira azul de Areamilla e Liméns. Unha contorna que permanece case salvaxe pese a estar a un paso de distintos núcleos de poboación.
Un percorrido breve e baixa dificultade de tan só 3 quilómetros de lonxitude (lineal) que se pode ampliar ata os 23 quilómetros se cambiamos o punto de inicio ata Cangas, pasando polo vasto patrimonio industrial da antiga conserveira Massó, o final ata o Monte Facho, pasando polas dunas do complexo das praias de Nerga, Viñó e Barra e a Costa da Vela.
Datos da ruta:
Punto de partida: Praia de Areamilla
Punto de chegada: Praia de Liméns
Lonxitude: menos de 3 quilómetros (lineal)
Dificultade: baixa
Xacementos arqueolóxicos, faros, cantís e un mar salvaxe enmarcan unha das vistas máis características de toda a costa do Morrazo. Comezando dende a coñecida como caracola de Donón (A Buguina), un dos puntos favoritos dos viaxeiros para desfrutar da posta de sol, o sendeiro sube por un camiño empedrado ata o antigo santuario do deus Berobreo. Pasa por unha antiga aldea medieval, petróglifos e un castro, ata chegar á antiga construción de vixía que coroa of Facho de Donón e onde se pode desfrutar case á vista de paxaro a coñecida como Costa da Vela.
Trala baixada, un camiño circular que pasa polos muíños, cantís e faros, pon case á punta dos dedos a silueta de Cíes, nun dos puntos máis estreitos entre o parque nacional e o continente.
Datos da ruta:
Punto de partida e chegada: Caracola de Donón (A Buguina)
Lonxitude: 12,5 quilómetros
Dificultade: Media – baixa
Nun lateral do porto de Beluso, por un pequeno treito asfaltado onde se atopa a casa da Roiba, unha antiga fábrica de salgadura reconvertida nun dos fitos da arquitectura modernista de Galicia, comeza o sendeiro que conecta as praias de Tuia e Beluso. Pequenas calas con enormes rochas nas que de cando en vez descansan os corvos mariños e as gaivotas procedentes das Illas Atlánticas de Ons e Cïes, árbores ó borde do mar e augas cristalinas caracterizan o percorrido.
É unha pequena rota lineal que se pode conectar co Sendeiro Azul de Cabo Udra a través da praia de Mourisca. E co centro de Bueu a través dos pasadizos de madeira e as rúas da vila.
Datos da ruta:
Punto de partida: porto de Beluso
Punto de chegada: praia de Tuia
Lonxitude: 1,5 quilómetros (lineal)
Dificultade: Baixa
O Lugar de Interese Comunitario de Cabo Udra non só é unha zona de especial conservación e protección, parte da Rede Natura 2000, senón que tamén é un dos percorridos máis interesantes das Rías Baixas, con panorámicas únicas da ría de Pontevedra e áreas para a observación de aves.
Polo camiño, os chozos (refuxios de pastores) de Chan de Esqueiro, as casas mariñeiras e antigos salgadoiros en Ancoradouro e Mourisca, as baterías militares hoxe convertidas nunha Aula da Natureza e cantiosas especies animais e vexetais. O lagarto ocelado, carranes e mascatos, avenoiteiras e falcóns peregrinos, delfíns mulares e marsopas son só algunhas das especies que se poden ver paseando polo cabo.
O sendeiro pódese completar conectándoo co de Beluso – Tuia e a contorna urbana de Bueu, xerando así un percorrido circular de pouco máis de 6 quilómetros.
Datos da ruta:
Punto de partida e chegada: Praia de Ancoradouro
Lonxitude: 4 quilómetros (circular)
Dificultade: Baixa
Durante a tempada alta, ós numerosos camiños que se poden atopar no Morrazo, engádense ás do veciño Parque Nacional das Illas Atlánticas, que se pode visitar con distintas frecuencias diarias dende os portos de Cangas (Illas Cíes) e Bueu (Illa de Ons).
Na illa de Ons existen catro sendeiros totalmente sinalizados e todos eles circulares, que se poden combinar entre si para crear unha ruta máis longa e desfrutar dun completo día de praia, gastronomía e natureza na úllica illa habitada do parque nacional.
Cada unha destas rutas oferta paisaxes únicos. Teñen diferentes graos de dificultade e lonxitude, de maior a menor:
– A Ruta Norte transcorre polo areal de Melide, un dos favoritos de todo o parque nacional e das praias do Morrazo, e pasa preto de Punta Centolo, lugar protexido de cría de corvo mariño e gaivota patiamarela.
– A Ruta Sur levaranos ata o Buraco do Inferno, unha curiosa formación xeolóxica que conecta co mar e na que aínda viven algunhas das lendas máis famosas de Galicia, e o Miradoiro de Fedorentos, coas súas espectaculares vistas da costa sur de Galicia e as veciñas Illas Cíes.
– A Ruta do Faro, a de menor dificultade das catro e que nos levará preto do Faro de Ons, unha estrutura emblemática da illa e que leva máis dun século guiado ós mariñeiros. Ademais, trátase dun dos poucos faros que aínda é atendido por un fareiro.
– A Ruta do Castelo, a máis curta, de tan só un quilómetro de lonxitude, levaranos ata a praia das Dornas e o mirador do Castelo, antigo forte defensivo e dende o que podemos observar toda a extensión da ría de Pontevedra.
Todas as rutas comezan e terminan no mesmo punto: a caseta de información.
No caso das Illas Cíes, o sendeiro azul Entre Faros queconecta dous dos tradicionais sendeiros que levan a cadanseu faro, é outro dos percorridos imprescindibles para quen busca descubrir as diferentes paisaxes o parque nacional.
Consello: A visita as illas de Cíes e Ons precisa dunha autorización previa que se pode obter online de forma gratuíta a través da web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal
Ademais, pódese descargar un plano en pdf dos percorridos das distintas rutas na web oficial do parque nacional na sección “Arquipélago de Ons”.
Sendeiro Azul de Moaña (Praia de O Con): GPS 42.2711048, -8.7405141
Dirección: Av. José Costa Alonso, Moaña
Sendeiro Muíños da Fraga (Praia de A Xunqueira): GPS 42.28708, -8.7279482
Dirección: Paseo marítimo da Xunqueira, Moaña (San Martiño e Virxe do Carme)
Senda costeira Areamilla – Liméns (Praia de Areamilla): GPS 42.249863, -8.794744
Dirección: Balea, Darbo (Santa María), Cangas
Sendeiro azul de Donón (Caracola de Donón): GPS 42.270821 -8.860795
Dirección: Rúa do Couñal, 82, Donón
Sendeiro Beluso – Tuia (Porto de Beluso): GPS 42.3334377, -8.8005927
Dirección: Peirao deportivo, s/n, Beluso (Santa María), Bueu
Sendeiro azul de Cabo Udra (Praia de Ancoradouro): GPS 42.333961, -8.826621
Dirección: Sar, Beluso (Santa María), Bueu
Sendeiros na Illa de Ons (Caseta de Información): GPS 42.3761736, -8.9327561
Dirección: Barrio do Curro, Illa de Ons, Parque Nacional Illas Atlánticas