A Fraga é un espectacular bosque de especies de folla caduca atravesado polo río do mesmo nome. No seu curso máis alto, forma fervenzas e discorre a ruta dos muíños. O percorrido ten 9,7 quilómetros cuns 30 muíños restaurados. Hai áreas de descanso e paneis indicativos da flora e da fauna do lugar, así como dos muíños que imos atopando.
De fácil acceso a pé a través dun carreiro. Conta con áreas de descanso durante todo o percorrido.
O río da Fraga, tamén chamado Rego dos Ladróns, nace en Gorgollóns, a 610 metros de altitude, no monte Xaxán, e xunta as augas da cunca hidrográfica máis importante de Moaña. Fai de fronteira natural coa parroquia moañesa de Meira, Ao longo dos seus 6,7 quilómetros de lonxitude, discorre entre frondosos bosques, até a praia da Xunqueira. Xunto ao río, e percorrendo o seu curso, habilitouse a Senda do Río da Fraga.
As súas augas forman pequenos e fermosos saltos de auga e pozas. A vexetación é abundante en case todo o seu recorrido. Poden verse carballos, ameneiros, salgueiros, castiñeiros e loureiros, como especies autóctonas de bosque típico galego.
Durante anos, este regato serviu para regar os campos veciñais. Aproveitábase a forza das súas augas para mover innumerables muíños. O máis representativo deste río é o seu popular carreiro, acondicionado recentemente e que se presenta como unha xoia para os amantes da natureza e da historia de Galicia.
Vestixios do pasado
Os visitantes camiñarán pola beira do río e admirarán vestixios do pasado presentes nos 29 muíños de auga. Gran parte deles foron reconstruídos e algún segue sendo utilizado por algunhas familias para moer millo.
Na súa maioría, os muíños son de canal de planta cadrada ou rectangular. Teñen unha única fiestra e están cubertos con tella do país a unha ou dúas augas. Moitos conservan as súas rodas no interior. Case todos manteñen intactas as canles que conducían a auga até as súas maquinarias. Estes muíños foron unha peza chave no desenvolvemento e supervivencia da poboación rural durante os anos da posguerra. Foron tamén berce de moitas tradicións e costumes populares galegas.