Senda da Costa da Vela

A ruta da Senda da Costa da Vela é unha ruta circular fácil duns 10 quilómetros de lonxitude e pouca pendente. Pasa por varios puntos de interese, como areais dignos de postal, miradoiros panorámicos, faros con historia, e incluso un poboado castrexo.

O sendeiro comeza na escultura A Buguina, do cangués Lito Portela, en Cabo Home. Neste lugar pode aparcarse o coche e atopar toda a información necesaria para o percorrido, que remata no Monte Facho. Está decretada como Zona de Especial Conservación e Rede Natura 2000.

Ao comezar o camiño, a moi poucos metros, pódese facer un alto para ir até o observatorio de fauna que se encontra alí mesmo. Accédese por unha estreita senda. Poden observarse corvos mariños e gaivotas, entre outras aves.

Tres faros

Proseguimos a ruta pola pista que nos leva até os faros. En primeiro lugar, vemos o de Cabo Home, deixando á esquerda o faro de Punta Robaleira. O Faro de Cabo Home foi construído en 1853 e ten unha altura de 17 metros. Posteriormente, engadíuselle unha sirena debido á intensa néboa, moi persistente nesta zona. Destacar que Cabo Home é o punto de terra firme máis próximo ás illas Cíes.

O faro de Punta Robaleira é bastante máis baixo e de cor vermella. Nas súas rocas é habitual observar corvos mariños secando as súas ás ao sol ou dispostos a saltar á auga na procura de alimento. A ruta retómase rumbo ás fermosas praias de Cangas. A primeira que vemos é a de Melide. Esta praia é unha das máis concorridas da península do Morrazo durante o verán.

Retomamos a ruta cara ao faro de Punta Subrido, con amplas vistas á ría de Vigo. A partir de aí,  podemos volver á pista principal para coller un camiño estreito que descende até a antiga fábrica de salgadura de Punta Fuxiño. A continuación, temos a praia nudista de Barra.

O último tramo discorre entre as casas e canellas da aldea de Donón. O camiño lévanos de novo ao aparcadoiro onde empezamos este fermoso paseo.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.