Esta senda transcorre pola costa de Cangas e recibe o seu nome do areal de Areamilla, onde comeza o percorrido. Trátase dun sendeiro de terra, bastante protexido do sol, e que se completa en aproximadamente dúas horas. A ruta ten unha distancia de 3,5 km (ida). No sendeiro atopamos o pequeno e obscuro Túnel de Areamilla, que non presenta dificultade algunha, pero que pode precisar do uso de lanterna. Ademais, obsérvanse lavadeiros, muíños, mesas de pedra rodeadas de castiñeiros e algunha fonte.
No percorrido atopamos ademais, un par de miradoiros con algún banco de pedra para descansar ou simplemente contemplar as vistas, algunhas pequenas praias escondidas, unha pequena fervenza e as furnas, uns orificios creados polo mar que escava desde abaixo e que chegan até a senda. Está está todo ben sinalizado e con valos de protección.
A parte final da senda está dominada por piñeiros até chegar ao areal do Porto, despois de pasar xunto as Furnas de Santa Marta. A senda costeira de Areamilla forma parte da Rede Natura 2000.