Salga da Mourisca

A Salga da Mourisca é unha antiga fábrica de salgadura dedicada á conservación de peixe a principios do S. XIX. Mantívose en activo até os anos 40 do século pasado pola familia Massó. Na actualidade, é a única das 30 salgaduras que queda en pé no municipio de Bueu, dun pasado unido á industria do salgado e conserva de peixe. A fábrica, posiblemente construída na década de 1850, sitúase no areal da Mourisca, na marxe esquerda da ría de Pontevedra, ao abeiro dos ventos do suroeste, e de acceso doado para as embarcacións que descargaban a sardiña. Dispuña tamén dun precario peirao cunha sinxela rampla de atraque para facilitar as tarefas de embarque e desembarque.

Nos anos derradeiros do século XIX, a poderosa compañía da familia Massó mercaría a vella salga de Mourisca, na que se continuaría traballando até a década de 1940.

O almacén ou fábrica de salga tiña tres partes principais: a chanca, o claro e o morto. A chanca é onde se salgaba a sardiña e tiña vinte dous lagares no lateral de levante da edificación, cadanseu pío con capacidade de douscentos milleiros de sardiñas. O claro viña sendo a parte central, o patio, non cuberto para que houbese luz en toda a fábrica. O morto (fronte á chanca, no lateral de poñente) era a parte do almacén onde se prensaba a sardiña.

Fronte á banda dos lagares, na esquina noroeste da edificación, situábase o almacén do sal –o alfolín– o almacén dos utensilios propios da industria e mailo taller de carpintería.

Na esquina sueste situábase a vivenda do encargado e a súa familia, de planta baixa, dende a que podía mirarse ao interior do patio, co gallo de controlar o traballo dos operarios, mulleres na súa meirande parte.

No taller de carpintería do almacén construíanse os cascos, recipientes cilíndricos feitos con doelas de madeira de piñeiro suxeitas con aros de cinta de castiñeiro ou de ameneiro. Os primeiros cascos (chamados pipas, medias pipas, etc.) foran de gran tamaño con capacidades de seis mil a vinte mil sardiñas e pesos de ata trescentos quilogramos, o que facía sumamente dificultoso o seu manexo. Foron reducíndose os tamaños dos cascos que recibían entón os nomes de cuartos, sextos, novenos, ou xenericamente tabais.

De propiedade privada, actualmente atópase en fase de rehabilitación, coa fin de manter viva a memoria e o patrimonio de Bueu.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.