Petróglifos de Pozo Garrido

O conxunto de petróglifos de Pozo Garrido, que reciben o nome dun pozo cercano, atópanse sobre un afloramento granítico a ras do chan cuberto de terra e vexetación. Están situados en Reibón, na parroquia de Meira. Segundo indica na ficha catalográfica do PXOM do Concello de Moaña do ano 2016, diferéncianse tres grupos:

O grupo I podémolo ver nunha pedra a ras do chan. Está composto por tres rochas, unha delas ten representación esquemática de tres animais (posiblemente ovinos e ovicápridos) e numerosas cazoletas, cruciformes e outros trazos. Na segunda rocha destaca un cruciforme con peana así como cazoletas de pequeno tamaño. Na terceira rocha atópanse uns trazos rectilíneos que semellan alfabetiformes, con dúas cazoletas medianas a ambos lados. O grupo II é de menor tamaño e ten menos motivos: destaca un posible équido, cazoletas apéndice e círculo concéntrico, un cruciforme e outras cazoletas. O grupo III ten motivos de trazos ondulantes, círculos concéntricos, con círculo e outro.

Os gravados de animais son os máis habituais dentro da arte rupestre galega despois de coviñas e  combinacións circulares, especialmente cabalos e cervos, e podería ter algunha connotación relixiosa ou supersticiosa como a procura de boa sorte na caza. A representación animal pode ser estática ou dinámica, buscando un maior naturalismo, destacando nalgúns gravados as escenas de caza ou monta por parte do ser humano. A pesar da gran abundancia de figuras animais en Galicia, Pozo Garrido é un dos contados exemplos onde estes aparecen representados na Península do Morrazo.

Esta ruta dispón de códigos QR e está ben sinalizada.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.