No lugar atopamos os petróglifos da Rega Pequena I, II e III. Os da Rega I están situados nunha rocha plana afectada por labores de cantería. Os gravados constan de tres combinacións de círculos concéntricos con coviña central unidos por dous apéndices conformando un motivo triangular. Estas combinacións abstractas son as máis recorrentes na arte rupestre galega e a que máis variedade posúe pese á súa aparente simplicidade.
En cambio, os petróglifos da Rega Pequena II e III localízanse en cadansúa rocha de granito, separadas por uns centímetros. Os motivos representados son abstractos e semellantes estilisticamente ao da Rega Pequena I.