O Morrazo gastronómico

Novembro 9, 2021

O Morrazo é unha terra xenerosa e farturenta. Cunha gastronomía rica e variada que nace no mar e medra na terra. O Morrazo é unha comarca magnánima onde o bo comer e o bo beber son case unha obriga.

A riqueza gastronómica da comarca ten sona universal pola gran variedade de peixe e marisco que ofrece. Camaróns, nécoras, polbo mexillóns, luras de ría, choquiños, chinchos ou sardiñas están ao alcance de calquera que queira coñecer algúns dos manxares únicos da dieta atlántica.

Pero non todas as delicias gastronómicas do Morrazo saen do mar. Os máis afortunados poderán degustar as mellores carnes de tenreira ou cordeiro, o tradicional pan de trigo ou millo, suculentos queixos premiados a nivel internacional e, por suposto, todo isto regado con viños da Indicación Xeográfica Protexida ‘Ribeiras do Morrazo’, caldos brancos e tintos con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, aromas florais e de froitas e cunha boa e equilibrada acidez.

Festas gastronómicas

As festas gastronómicas son outro dos grandes atractivos do Morrazo, unha comarca onde a veciñanza gusta de vivir e compartir experiencias ao aire libre.

  • Ruta das tapas 5 estrelas (Bueu). A colaboración entre o Concello de Bueu e a Asociación de Hosteleiros dá lugar a esta cita que, coincidindo co Festival Internacional de Curtametraxes, propón tapas inspiradas no mundo del cine.
  • Festa do millo corvo (Bueu). Festa de exaltación desta variedade de millo negro, un cultivo que foi o sustento dos habitantes deste lugar ao longo de séculos. Ademais da degustación de produtos elaborados a partir deste millo, celébranse obradoiros, charlas, roteiros e outras actividades que axudan a dalo a coñecer e poñelo en valor.
  • Festa do Polbo (Bueu). Festa de exaltación do polbo que se celebra desde 1999 grazas á colaboración co sector da restauración, que trabaja para presentar este produto do mar de formas novas e atractivas.
  • Festa do percebe (Cangas). Cita gastronómica organizada pola Asociación de Hostaleiros de Cangas, o Concello e a Confraría de Pescadores de San Xosé, xunto á bodega Lagar de Cervera. A festa busca dignificar a profesión do percebeiro e poñer en valor este produto tan arriscado de conseguir e que provén da Costa da Vela e das Illas Cíes.
  • Festa de exaltación da navalla de Cíes (Cangas). Evento que busca dar a coñecer e promocionar a recollida artesanal deste produto do mar.
  • Feira da Tapa (Cangas). Certame gastronómico organizado pola Asociación de Restauradores de Cangas xunto ao Concello.
  • Festa da Cervexa e da salchicha alemá (Cangas).
  • Festa do Muíño (Coiro-Cangas). Coa chegada de maio, o recuperado Muiño de Fausto, na parroquia canguesa de Coiro, volve a moer.
  • Festa do mexillón (Moaña). Produto representativo da gastronomía deste municipio e que se cultiva nas bateas que adornan a abrupta costa do concello.
  • Romaría da Carballeira de Bronlle (Moaña). Celébrase no mes de agosto. Nesta romaría inscríbese a festa de degustación do “cordeiro ao espeto”, especialidade típica moañesa.
  • Festa da Costeleta (Moaña). Celébrase o 19 de marzo.
  • Festa do Naseiro de Meira (Moaña). Ten lugar o 3º domingo do mes de xullo. Nesta festa pode degustarse nécora, polbo e camarón.
Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.