Praias tranquilas, bosques, carreiros con paisaxes espectaculares,… Existen centos de motivos para escoller O Morrazo para unha viaxe en familia. Percorremos os recunchos favoritos das familias en Bueu, Cangas e Moaña, así como algúns dos tesouros escondidos neste singular territorio e que sorprenderán aos nenos de todas as idades:
A zona de especial conservación de Cabo Udra, que separa as rías de Pontevedra e Aldán, atrae cada ano a partes iguais aos amantes das camiñadas e ás aves migratorias, que buscan gozar dunha das máis bonitas vistas das rías Baixas. Non son os únicos visitantes: cun pouco de sorte, e estando atentos á costa, os máis curiosos descubrirán saltando nas súas augas a golfiños mulares e marsopas comúns.
Cabo Udra conta, ademais, cun interesante centro de interpretación coñecido como a aula da Natureza. Situado no que noutro tempo foron unhas baterías militares, este centro busca concienciar a pequenos e maiores sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, incluíndo unha mostra permanente que explica o espazo litoral protexido no que se atopa e os seus elementos naturais e etnográficos. Sen dúbida, unha parada imprescindible antes de percorrer o carreiro azul pola peculiar costa do cabo.
Consello: A Aula da Natureza pode visitarse todos os días durante a tempada alta, podendo reservar visitas personalizadas durante todo o ano contactando a través do correo electrónico auladanatureza@concellodebueu.gal
Finca do Frendoal, un “bosque encantado”
A que fose no seu tempo a leira de recreo do veciño Pazo da Torre de Aldán, atópase oculta a primeira ollada. A poucos metros do pazo, do outro lado da rúa e nada máis pasar a pequena ponte medieval e o lavadoiro do río Orxas, atópase un carreiro rodeado dunha espesa vexetación que nos leva a un pequeno “castelo” que nunca se chegou a finalizar.
Os carreiros que o rodean lévannos ata un fermoso acueduto coñecido como o Arco da Condesa e os coñecidos como Xardíns Históricos. Aquí, árbores autóctonas mestúranse coas especies máis exóticas, con raios de luz que traspasan entre as follas para darlle unha sensación de conto encantado moi especial.
Ons, a illa máis familiar do parque nacional
A illa de Ons é a máis familiar do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Con diferentes servizos de aloxamento e restauración, praias tranquilas protexidas e distintos carreiros de curto percorrido e baixa dificultade, as familias atopan aquí un destino diferente nas rías Baixas no que poden gozar todos por igual e descubrir a que foi a vida mariñeira dos veciños da illa.
Entre os roteiros favoritos das familias atópanse o ‘Roteiro do Castelo’, cunha duración aproximada de 40 minutos (circular) e distintos recursos turísticos de interese como un bosque de salgueiros e o miradoiro sobre a ría de Pontevedra; ou o ‘Roteiro do Faro’, algo máis larga pero igual de interesante. Ademais, no que fora a escola da illa, atópase o centro de visitantes, onde se mostran distintos paneis informativos acerca da illa, a súa peculiar natureza e a súa historia.
Consello: Só é posible visitar a illa de Ons en tempada alta mediante transporte regular e tendo solicitado autorización previa. Pode obterse de forma gratuíta na web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal
Os barcos a Ons poden collerse desde o porto de Bueu. Recoméndase a reserva de billetes con antelación debido ao alto interese que xeran as illas do parque nacional.
O centro de interpretación abre exclusivamente en tempoda estival.
Descubrir os ambientes intermareais na Lagoa da Congorza
Situada en Punta Balea, esta lagoa de auga doce a escasos metros do mar é un ecosistema único en toda a comarca e no que conviven unhas 400 especies de plantas, 70 de insectos, coleópteros e bolboretas, 6 de anfibios, 14 de réptiles, 140 de aves (das que polo menos 23 crían na área) e 20 de mamíferos.
Está preto do carreiro que une o centro de Cangas coas praias de Areamilla e Liméns, as antigas factorías baleeiras e conserveiras de Massó, o que supón un atractivo engadido para gozar dun día na natureza cos nenos e no que conciencialos da importancia de protexer o litoral e o impacto que causamos os seres humanos no mesmo.
Divisar as rías galegas desde o Monte Faro
No punto máis alto do Morrazo atópanse os miradoiros do Faro de Domaio, dúas plataformas de madeira desde as que se poden ver tanto a ría de Vigo e algúns puntos do interior, como Soutomaior, como as rías de Pontevedra, Arousa e Muros – Noia, chegándose a ver ata Fisterra se o tempo acompaña.
A poucos metros destes miradoiros, un bosque de castiñeiros enmarcan unha bela área recreativa. O seu centro é un monumento megalítico de máis de 5.000 anos de antigüidade: Chan de Arquiña. Merendeiro, sendeiros e unha contorna natural completan a oferta dun dos puntos de ocio favoritos da comarca xunto co veciño Cotorredondo.
Unha viaxe pola historia en Monte Facho
Por riba da Costa da Vela, o coñecido como Monte Facho é unha excursión interesante cos nenos que, subindo por un antigo camiño empedrado, atoparán numerosos elementos curiosos que os veciños de Donón foron deixando ao longo dos séculos. Petróglifos, unha antiga aldea medieval ou un antigo castro son algúns dos elementos que os máis curiosos poden descubrir nestas paraxes.
Consello: Aínda que a subida até a parte máis alta do santuario pode resultar difícil para os máis pequenos da casa, tamén poden desfrutar dunhas espectaculares vistas volvendo á base do monte. Alí A Buguina, a caracola de Donón, enmarca unha das postas de sol máis fotografiadas das rías Baixas.
Muíños do Río Fraga, camiñada cos máis miudos
Desde o centro de Moaña parte un roteiro de sendeirismo que transcorre pola ribeira do río Fraga. Rodeada por un bosque tradicional galego e salpicada por numerosos muíños e pequenas fervenzas, conta con pasadizos de madeira para facilitar o acceso a persoas de todas as idades. Nel atoparán unha paisaxe diferente das do resto de roteiros do Morrazo.
Para os máis maiores, o acceso pola parte superior do roteiro tamén conta con gran beleza, aínda que o grao de sinalización e dificultade é maior, especialmente no caso dos máis pequenos.
Museo e praza Massó: aprender xogando en Bueu
O Museo Massó, situado no centro de Bueu, contén unha das maiores coleccións conserveiras e baleeiras do mundo. Na súa exposición permanente, os máis pequenos descubrirán as curiosidades do traballo na mar e como eran as embarcacións tradicionais que navegaban a diario as augas do Atlántico para traer o peixe máis fresco ás nosas mesas.
Pero este non é o único atractivo do museo: organizan talleres para nenos de diferentes idades durante todo o ano. Nestes poderán aprender como é navegar nunha embarcación tradicional, pasando pola confección de redes de pesca e nós náuticos a talleres de sustentabilidade e reciclaxe no mar.
E tras a visita ao museo, na súa parte posterior encóntrase a praza Massó, punto de encontro dos nenos da vila. Nela atoparán pezas artísticas, xogos infantís e a antiga cheminea da fábrica conserveira, todo nunha contorna totalmente peonil na que xuogar e descansar.
O paseo marítimo de Moaña e as súas chamativas esculturas
Un mariñeiro xigante, unha balea varada, un calamar que a veces parece uno choco ou paxaros que flotan, son só algunhas das peculiares esculturas que fan as delicias dos nenos en Moaña. Visitalas é tamén un bo pretexto para aprender algo máis sobre as artes tradicionais de pesca no porto, asomarse ao mercado para coñecer algo máis sobre a gastronomía de Galicia e ver como os barcos van e volven cruzando a ría.
Continuando até a praia de Meira, o Museo das Carreiras é outro punto interesante ao aire libre no que aprender máis sobre os aparellos de pesca e a súa elaboración tradicional.
Engádeo á túa ruta:
Centro de Visitantes de Ons: 42.3761736, -8.9327561
Enderezo: Barrio do Curro, Illa de Ons, Parque Nacional Illas Atlánticas
Centro de Interpretación de Cabo Udra – Aula da Natureza: GPS 42.340465 -8.832843
Enderezo: Beluso (Santa María), Bueu
Museo Massó: GPS 42.3269039, -8.7854398
Enderezo: Montero Ríos, s/n, Bueu (San Martiño)
Finca do Frendoal: GPS 42.280209 -8.813159
Enderezo: PO-315, Km 109, Aldán (San Cibrán)