O Morrazo en dous días

Decembro 9, 2021

A vida na península do Morrazo xira ao redor do mar desde o inicio dos tempos. A súa posición privilexiada entre as rías de Vigo e Pontevedra, outorgoulle unha abundante gastronomía, un favorable clima atlántico e unhas paisaxes únicas dentro das rías Baixas que a fan un dos destinos máis atractivos no norte da península ibérica. Pero non son as únicas razóns para viaxar até aquí: descubre nesta ruta de dous días os imprescindibles do Morrazo.

Día 1: Vida e tradicións mariñeiras

Arrincamos a nosa ruta pola comarca do Morrazo visitando o único parque nacional de toda Galicia: o Parque Nacional das Illas Atlánticas. E o faremos visitando a única illa do parque no que aínda quedan veciños: a illa de Ons.

Con 6 quilómetros de longo e 2 de ancho, esta illa oferta unha paisaxe incomparable de miradoiros, praias e cantís protexidos, pero tamén restos arqueolóxicos, igrexas, hórreos e casas mariñeiras nas que se poden atopar pequenos restaurantes que preparan o afamado pulpo de Ons ao estilo das illas.

Para abrir o apetito, nada mellor que escoller entre unha das catro rutas circulares marcadas en Ons, coas que poderemos descubrir algúns dos seus máis interesantes segredos, como o Buraco do Inferno, unha curiosa formación xeolóxica que conecta co mar e que é protagonista dunha das máxicas lendas do Morrazo, o faro de Ons, un dos poucos faros de España onde sobrevive a profesión de fareiro, a antiga fortificación defensiva do Castelo e os miradoiros sobre a costa sur de Galicia e as Cíes a un lado e sobre a ría de Pontevedra e a illa de Onza no outro.

Consello: Existen diferentes empresas con barcos regulares a Ons durante a tempada alta que parten dende o porto de Bueu, así como doutros puntos das rías Baixas. É imprescindible solicitar unha autorización para viaxar ao Parque Nacional que se pode tramitar gratis na web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal 

Se se conta con tempo abondo, existen aloxamentos, restaurantes e outros servizos turísticos dentro da illa que proporcionan aos viaxeiros a posibilidade de vivir uns días nas illas e gozar por partes iguais das súas praias, a gastronomía e a salvaxe natureza das súas paisaxes.

Pola tarde, o noso percorrido continúa por Bueu, onde poderemos ser testemuñas da peculiar poxa de peixe na Lonxa de Bueu. Á media tarde, os barcos de baixura traen á vila os produtos máis frescos, nos que se inclúen os polbos capturados na contorna de Ons e a ría de Pontevedra.

Non moi lonxe de aquí, o Museo Massó proporciona unha visión única sobre a historia marítima e conserveira da península do Morrazo e do mundo. Aparellos de navegación, obxectos curiosos, barcos tradicionais e unha das coleccións baleeiras máis grandes do mundo, aloxadas na que foi unha das fábricas conserveiras máis representativas do Morrazo.

E para completar a visita a Bueu, seguindo polo paseo marítimo atoparemos o Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como Estaleiro de Purro. Trátase da que foi a última carpintería de ribeira en activo na ría de Pontevedra e na que se crearon algunhas das embarcacións que aínda se poden ver no porto. Unha construción peculiar para un dos oficios mariñeiros máis tradicionais e parte fundamental do patrimonio cultural marítimo de Galicia.

Tras a nosa visita a Bueu, unha pequena viaxe en coche achegaranos a Cabo Udra, que marca o principio da ría de Pontevedra, para desfrutar dunha das máis fermosas postas de sol nas rías Baixas nunha contorna de gran valor natural declarado Zona de Especial Conservación e que forma parte da Rede natura 2000.

E, finalmente, entrar na ría de Vigo para gozar da animada vida nocturna de Cangas. Un paseo polo seu casco vello levaranos ás tradicionais casas de patín, antigos lavadoiros públicos (aínda en uso) e a magnífica Igrexa de Santiago de Cangas, tamén coñecida como a ex-Colexiata, onde se unen pasado, presente e futuro desta fermosa vila mariñeira.

Engádeo á túa ruta:

Museo Massó: GPS 42.3269039, -8.7854398
Dirección: Montero Ríos, s/n, Bueu (San Martiño)

Lonxa de Bueu: GPS 42.3280428,-8.7844691
Dirección: Rúa de Montero Ríos, 4, Bueu

Estaleiro de Purro: GPS 42.3266577,-8.7898781
Dirección: Avda. de Montero Ríos S/N, Praia da Banda do Río, Bueu

Cabo Udra: GPS 42.334972, -8.824817 (parking Praia do Acoradouro)
GPS 42.340465 -8.832843 (Centro Interpretación)
Dirección: Beluso (Santa María), Bueu

Casas de Patín: GPS 42.263749,-8.784749
Dirección: Rúa de Antonio Garelly, 20 Cangas

Igrexa de Santiago de Cangas: GPS 42.264356, -8.785024
Dirección: Real, s/n, Cangas (Santiago e San Salvador)

Día 2: Paisaxes de excepción nas orixes do Morrazo  

No noso segundo día de viaxe pola península do Morrazo comezamos no famoso cruceiro do Hío, peza mestra en pedra do escultor pontevedrés José Cerviño García e que ten sido recoñecido en numerosas ocasións como un dos cruceiros máis fermosos e cheos de significado de toda Galicia. Desde aquí pódese divisar a ría de Aldán no seu conxunto e, se o calendario acompaña, descubrir as ancestrais danzas do Hío.

A nosa seguinte parada será no miradoiro de Donón para comezar a nosa subida cara ao Facho de Donón. O camiño empedrado levaranos polas distintas etapas da historia do Morrazo a través de petróglifos, un poboado medieval e un castro, ata o que foi o santuario do deus Berobreo e importante punto de peregrinación ata o século IV d.C. No cumio, un aposto de vixía do século XVIII enmarca unha magnífica panorámica sobre as Illas Cíes e os característicos cantís da Costa da Vela.

Desde aquí podemos continuar explorando a zona polo Sendeiro Azul, que ao longo de 10 quilómetros (circular) rodea a península que conforma a Costa da Vela, pasando por praias de bandeira azul como a de Melide, os faros de Cabo Home, Punta Robaleira e Punta Subrido, furnas, hórreos e outras construccións tradicionais galegas.

Consello: Para os viaxeiros que contan con algo máis de tempo e prefiran substituir o senderismo pola praia, o complexo dunar de Nerga, Viñó e Barra atópase moi preto do camiño e tamén é posible achegarse en coche ata alí.

A continuación, a nosa visita lévanos até a igrexa románica de San Xoán de Tirán, un dos escasos exemplos de arte románica ó carón do mar de toda a provincia e que leva dende o século XII vixiando a ría de Vigo e a súa historia de incursións piratas e tesouros afundidos.

Seguindo a liña da costa, atoparemos a vila mariñeira de Moaña, que ten por símbolo a escultura de O Fisgón, o “deus do mar” con corpo de mariñeiro moañés. Situado no paseo marítimo, moi preto da praza e rodeado de bancos miramar de madeira, fan deste un tranquilo lugar no que descansar con vistas aos barcos que entran e saen continuamente a faenar.

Dende aquí, volvemos a ascender na nosa ruta por Domaio, onde o sendeiro do Freixa e os seus muíños levarannos cara a escondida Poza da Moura, unha poza natural con vistas sobre a ría de Vigo na que refrescarse tras unha intensa viaxe e onde conectar coas ancestrais lendas do Morrazo.

E, tras o merecido descanso, retomamos a nosa viaxe para ascender ó punto máis alto do Morrazo: o Monte Faro, onde atoparemos o monumento megalítico de Chan de Arquiña. Ubicado a 500 metros de altitude, ós pés do coñecido como Monte Xaxán, este dolmen de máis de 5.000 anos de antigüidade atópase nun lugar rodeado de castiñeiros.   

Dende aquí, o último tramo farémolo a pé ata os miradoiros de madeira e as súas impresionantes vistas: cara ao sur, coa ría de Vigo como protagonista, e cara ao norte, onde en días claros se poden ver as rías de Pontevedra e Arousa, coas distintas illas que compoñen o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Sen dúbida, un lugar fantástico no que desfrutar dunha posta de sol diferente ao final do día e o broche de ouro para a nosa viaxe de dous días polo Morrazo.

Consello: Para aqueles que busquen descubrir máis sobre a orixe da península do Morrazo, unha visita recomendada é a da Igrexa de Santiago de Ermelo, onde se atoparon unhas das poucas inscricións datadas do Bispo Xelmírez e que formaba parte do antigo monasterio de Ermelo, do que se di foi o comezo do que hoxe coñecemos como Bueu.

Para os viaxeiros interesados no románico, a Igrexa de Santa María de Cela ou a de San Martiño de Moaña, son exemplos moi interesantes do románico galego que se poden engadir facilmente á ruta e que se suman á de Santo André do Hío, ao carón do coñecido cruceiro.

Ademais, todo o Morrazo conta con numerosas estacións de petróglifos e castros que se poden visitar mediante distintas rutas sinalizadas e demarcadas.

Engádeo á tu ruta:

Cruceiro de O Hío: GPS 42.270172, -8.82949
Dirección: O Igrexario, O Hío (Santo André), Cangas

Caracola de Donón: GPS 42.270821 -8.860795
Dirección: Rúa do Couñal, 82, Donón

Monte Facho: GPS 42.276291, -8.861236
Dirección: Garita de Donón, Donón, O Hío (Santo André), Cangas

Faro de Cabo Home: GPS 42.253201, -8.873328
Dirección: Cabo Home, O Hío (Santo André), Cangas

Praia de Melide: GPS 42.251392, -8.866746
Dirección Donón, O Hío (Santo André), Cangas

Igrexa de San Xoán de Tirán: GPS 42.2692681,-8.7478317
Dirección: Lugar do Igrexario, 25, Tirán (San Xoán)

O Fisgón: GPS: 42.281122, -8.7354297
Espigón Concepción Arenal S/N, Moaña

Poza da Moura: GPS 42.2981206,-8.6839484
Dirección: Domaio

Chan de Arquiña e miradoiros de Monte Faro: 42.320072, -8.697964
Dirección: Ladera del Monte Xaxán, Domaio (San Pedro), Moaña

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.