O Morrazo de festa en festa

Decembro 9, 2021

A axenda do Morrazo está chea de festas tradicionais, a orixe das cales remóntase en moitos casos á idade media e incluso ós primeiros poboadores da península. Tradicións de orixe relixiosa, recreacións históricas, gastronomía… son moitas as razóns para achegarse ó longo de todo o ano.

Danzas ancestrais en Cangas

O patrimonio etnográfico únese ás celebracións de carácter relixioso nas distintas parroquias de Cangas, nestas tres festas declaradas de Interese Turístico de Galicia. De orixe descoñecida, algunhas das teorías as relacionan con festas de orixe pagán e que se cristianizaron. Hoxe en día, seguen causando gran admiración entre locais e visitantes por igual.

Danza de San Sebastián de Aldán ou dos mozos 

A Danza de San Sebastián ten lugar cada 20 de Xaneiro no atrio da Igrexa de San Cibrán de Aldán. É interpretada por damas de sombreiros rechamantes e galáns de sombreiro de feltro, os cales ofrecen a súa danza ó santo no cumprimento dunha promesa.

Danza de San Roque de Hío ou dos peregrinos 

O 16 de Agosto ás 12 do medio día, o famoso cruceiro do Hío é testemuña da danza ancestral en honra a San Roque. Nela, os varóns da localidade interpretan ós galáns, de roupas sinxelas, e os “sanroquiños”, que visten as coloridas roupas do santo. A súa semellanza coa vestimenta dos peregrinos dálle o seu segundo nome. 

Danza e Contradanza de Darbo 

A Danza e Contradanza de Darbo está catalogada como unha das danzas máis antigas de Galicia. Nela bailan dez galáns, de pluma no sombreiro e pendentes nas orellas, e cinco damas con mantón e sombreiro de flores naturais, que elas mesmas confeccionan horas antes. O baile ten lugar o 8 de Setembro no atrio da Igrexa de Darbo en honra a Santa María de Darbo.

Consello: Se perdiches a oportunidade para ver a Danza e Contradanza de Darbo trala solemne misa e a procesión en honra da santa, podes volver a vela pola tarde no mesmo lugar. Do mesmo xeito, en O Hío a danza repítese o mesmo día pola tarde para aqueles veciños que non puideron acudir á misa da mañá. 

No caso de Aldán, os danzantes fan unha pequena repetición da danza nos distintos lugares da parroquia, nas mesmas datas da festa parroquial.

As grandes festas relixiosas do Morrazo

Ademais das peculiares danzas festivas de Cangas, existen numerosas celebracións de carácter puramente relixiosa e que podemos desfrutar nas distintas parroquias e vilas do Morrazo. De todas elas, destacamos 3 pola súa gran relevancia dentro da comunidade galega:

Semana Santa de Cangas

Unha das escenificacións máis vistosas e artísticas da Semana Santa galega en lugar en Cangas. Recollemento e solemnidade son as características desta celebración. No Venres Santo, as súas tallas articuladas, moitas das cales levan a firma do mestre Cerviño – escultor do célebre cruceiro do Hío – procesionan polo centro histórico da vila.

Trátase dunha tradición consolidada e arraigada cunha orixe datada no século XVIII. Co tempo, foise enriquecendo ata transformarse nunha das celebracións de Semana Santa máis completas da provincia. Foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

Corpus Christi ou Festa das Alfombras Florais de Bueu

A “Festa das Alfombras Florais” é unha tradición con máis de 270 anos de historia e que tamén ten sido declarada de Festa de Interese Turístico de Galicia. Nela, os veciños e veciñas de Bueu decoran as rúas da vila mariñeira con motivos do mar e relixiosos a partir de flores, papiroflexia e algúns produtos do mar.

Pola tarde, a procesión do Corpus Christi percorrerá o quilómetro e medio de rúas alfombradas, desfacendo ó seu paso esta característica ofrenda efémera.

Festa do Carme

O profundo carácter mariñeiro do Morrazo ten unha das súas festas máis populares e rechamantes na Festa da Virxe do Carme. Nela, ó igual que noutras comarcas de costa de Galicia, as confrarías de pescadores decoran os seus barcos e realizan unha procesión polo mar en honra á virxe protectora do Carme.

A destacar, a celebración do Carme en Cangas e Moaña, as procesións de cada unha destas vilas parten por cadanseu lado para unirse na mar á altura de Punta Rodeira, no límite dos dous concellos, antes de volver ós seus respectivos portos.

As grandes recreacións históricas

Viaxar ó Morrazo é tamén vivir a historia. Os seus impresionantes xacementos arqueolóxicos e un vasto patrimonio cultural etnográfico únense ás recreacións históricas nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. Delas, cabe destacar dúas festas de interese: Moaña Antiqua e a Defensa da Vila de Cangas.

A comezos de xullo, Moaña recupera o seu espírito medieval na contorna de San Martiño coa celebración de Moaña Antiqua. Nela, música tradicional, gastronomía local, artesanía e recreacións medievais. 

En Outubro, os piratas turco-berberiscos volven a asediar a vila de Cangas, que se levanta en armas para defender as súas posesións. Un animado ambiente que acolle a todo o que se quere unir á festa, con mercado de artesanías e gastronomía. A festa tamén vai dedicada á figura de María Soliña, unha das lendas máis peculiares e rechamantes do Morrazo.

As festas etnográficas e gastronómicas

A gastronomía do Morrazo é unha das grandes protagonistas das festas e celebracións que teñen lugar en toda a península. Dende a do viño Tinta Femia ata a do polbo de Bueu, son cuantiosas as ocasións nas que degustar os produtos característicos destas costas.

A estas, engádese a festa de San Martiño de Moaña. O seu orixe relixioso compite en capacidade de atracción cos numerosos “furanchos” que abren nos baixos das antigas casas do barrio. Tabernas improvisadas nas que compartir uns viños da casa e probar algunha receita típica galega nun ambiente animado e cheo de música. A festa comeza o 9 de Novembro e dura 4 días no barrio do Cruceiro.

Outra festa peculiar a engadir é a Festa do Muíño de Fausto, que se celebra en Coiro en Abril. O evento é unha das poucas datas do ano nas que se pode ver moer o singular muíño de auga. Vai acompañada de bailes e música tradicional, actividades culturais e etnográficas.

Consello: Tamén é posible volver a ver en funcionamento os tradicionais muíños de auga que salpican os ríos do Morrazo durante a Festa do Millo Corvo. Declarada de Interese Turístico de Galicia, esta festa gastronómica celebra esta especie única de millo e as súas receitas. Descubre máis festas gastronómicas do Morrazo.

Apúntao na túa axenda 

  • Xaneiro: Danza de San Sebastián de Aldán.
  • Abril: Festa do Muíño de Fausto.
  • Xullo: Festa medieval Moaña Antiqua. Festa do Carmen.
  • Agosto: Danza de San Roque de Hío.
  • Setembro: Danza e Contradanza de Darbo. 
  • Outubro: Defensa da Vila de Cangas.
  • Novembro: San Martiño de Moaña e os seus “furanchos”.
  • Datas variables: Semana Santa de Cangas. Festa das Alfombras do Corpus Christi de Bueu. 

Consello: As datas son indicativas. Consulta a axenda oficial antes de programar a túa viaxe a estas festas.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.