Museo Massó

O museo Massó atópase nas instalacións da nave industrial da antigua fábrica de conservas Massó Hermanos, cerca do porto de Bueu. As súas orixes atópanse no labor coleccionista da familia Massó, que culmina coa apertura dun museo do mar, de carácter privado, no ano 1932. En 1994, despois do peche da fábrica, o museo foi adquirido pola Xunta de Galicia. Nel convive o patrimonio marítimo e industrial con espírito erudito do coleccionismo doutra época.

A idea de crear un museo foi suxerida polo inventor italiano Guillermo Marconi durante a visita que realizou en 1928 á fábrica. No domicilio da familia, o Premio Nobel de Física, a quen se lle atribúe o invento da radio e a telegrafía sen fíos, quedou sorprendido pola colección de instrumentos de navegación, documentos e libros antigos, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos. Seguindo o seu consello, os irmáns Massó levantaron unha planta sobre o máis antigo edificio da fábrica.

Co tempo, os testemuños das factorías conserveira e baleeira e a actividade pesqueira foron completando o perfil do museo. En xullo de 2001, volveu inaugurarse, presentando unha colección de contido etnográfico e antropolóxico. O mar e as súas actividades son o tema principal de todos os seus fondos.

O museo acolle desde obxectos procedentes da fábrica de conservas até outros vencellados a oficios ancestrais como a carpintaría de ribeira, a salgadura de peixe ou as artes de pesca. Tamén contén unha colección bibliográfica moi valiosa e de excepcional calidade. Desta mostra, destaca a sección de incunables. Completan a colección unha pequena serie de instrumentos náuticos, maquetas de embarcacións históricas e tradicionais e un bo número de gravados de escenas mariñas.

Horario

De martes a sábado: de 9.00 a 21.00 h
De xuño a setembro: de 9.00 a 21.30 h
Domingos: de 10.00 a 14.00 h
Pechado:
Os luns
Os festivos (incluídos os locais: 16 de xullo e 11 de novembro)
Os días 24 e 31 de decembro
Entrada gratuíta

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.