A idea deste monumento, inaugurado en Moaña no ano 2007, naceu co gallo da visita dunha balea ás rías de Pontevedra e Vigo tralo afundimento do Prestige en 2002. Trátase, polo tanto, dunha homenaxe dos autores á ‘balea do chapapote’. A escultura atópase no paseo do Con de Moaña.
O colorista deseño do cetáceo foi idea do arquitecto Juan Fernández Rivas, que contou coa colaboración do escultor Antón Salgueiro para materializar o seu proxecto. A Balea Anduriña é unha especie de quebracabezas xigante composto por 30.000 pezas. O escultor Antón Salgueiro cortou miles de azulexos con distintas tonalidades de azul e foi pegando os recortes pacientemente, buscando un tratamento diferenciado.
A cola, vertical non é un fallo de deseño. Rivas quixo facela así. As aletas fan a función de banco. Trátase dunha gran balea de 15 metros de lonxitude e unha altura que ronda o metro.