Miradoiros do Morrazo: Atardeceres de soño e paisaxes infinitas

Decembro 28, 2021

Un camiño de pedra sube lentamente entre petróglifos e aldeas abandonadas fai séculos, ata un miradoiro que vixía a eterna posta do sol. É o Facho de Donón, un lugar ao que peregrinaron os primeiros poboadores da comarca en busca de saúde e boa fortuna

É difícil non imaxinalos cos seus fachos acendidos na man mentres pisaban por onde hoxe o facemos nos, até ver unha das paisaxes máis impactante das rías Baixas. Aos seus pés, a escarpada costa da vela, que parece case tocar as illas Cíes mentres entra no Atlántico, fonte de pesares e fortuna para os galegos.

Este punto, o Monte Facho, é un dos grandes miradoiros naturais do Morrazo, pero non é o único. Nin tampouco é o punto máis alto desde o que contemplar as súas costas e vales. Percorremos os miradoiros imprescindibles do Morrazo, desde o alto dos seus montes ás súas costas.

A Buguina de Donón

A Buguina (caramuxo) é unha cuncha que os mariñeiros usaban para dar sinais e orientarse nos días de néboa. Aos pés de Monte Facho, esta escultura de Lito Portela marca, por un lado, o tramo máis salvaxe da costa da Vela e, polo outro, o punto polo que o sol se porá nas noites de verán.

É, por dereito propio, unha das fotos imprescindibles de aqueles que visitan as nosas costas ao longo do ano.

Posta de sol en Aldán

Aínda que pasa case desapercibida entre as rías de Vigo e Pontevedra, o pobo mariñeiro de Aldán tamén ten a súa ría. E o solpor desde aquí, cos seus hórreos preto do mar, o porto pesqueiro es os enormes Cons, crea unha imaxe propia dunha postal coa que acompañar a xenerosa gastronomía do Morrazo.

No horizonte, un mar de bateas e o océano infinito, que se vai tintando de distintos cores mentres o sol se agocha a descansar nas súas augas. 

Miradoiro de Paralaia

Subimos ao monte Paralaia onde un misterioso túnel de lenda construído polos seres máximos do Morrazo mantén agochados todos os seus tesouros. Aquí unha gran cruz e un popular banco de madeira marca o cumio dende onde se pode observar a ría de Vigo e incluso o elevado monte Faro de Domaio.

Os centos de bateas salpicando as rías e o val de Moaña nunha panorámica excepcional que se chea de misterio polas mañás e nos días de temporal, nos que as nubes quedan por baixo de quen o visita.

O Fisgón

Volvemos ao nivel do mar para visitar ó “deus do mar de Moaña”, que vixía a costa da ría de Vigo. Sentarse nos bancos miramar que o rodean e deixar que o sol baixe mentres vemos entrar e saír os barcos do porto, ocórresenos unha das mellores formas de ver partir o astro rei.

Miradoiro de Chans

En Chans, o sol agóchase trala silueta do arquipélago de Ons, entre a costa norte da ría de Pontevedra e cabo Udra, que parecen indicar a dirección. Se cadra por iso é un dos puntos elixidos polos amantes do parapente para elevarse e voar por riba da ría de Pontevedra.

Tamén é o favorito dos cabalos salvaxes, que de vez en cando baixan ata a área recreativa de paso cara a fraga de Coiro, a máis importante masa de bosque autóctono de toda a provincia de Pontevedra.

Punta da Mona

Moi preto da Igrexa de San Xoán de Tirán, un bonito paseo de pasarelas de madeira levan ata a praia e o miradoiro de Punta da Mona. As súas vistas sobre veciña cidade de Vigo e a súa posición privilexiada e discreta para o avistamento de aves, convertérono nun dos escenarios protagonistas do último libro de Doming Villar ‘O último barco’.

Os miradoiros de Ons

Existen centos de motivos para subir ó barco que conecta coa vila mariñeira de Bueu coa próxima illa de Ons, no Parque Nacional das Illas Atlánticas: a súa natureza salvaxe, a súa gastronomía, as súas praias… e tamén a súa posición privilexiada na entrada da ría de Pontevedra, que lle aporta unhas vistas únicas sobre as costas galegas.

Dentre os numerosos miradoiros que oferta Ons, o de Fedorentos está entre os favoritos dos viaxeiros. O motivo non é outro que as súas espectaculares vistas da costa sur de Galicia e das veciñas Illas Cíes. Pódese chegar ata el a través da ruta Sur, que tamén pasa polo Buraco do Inferno.

Outro miradoiro impoñente é o do Castelo. Situado sobre unha antiga fortificación de carácter defensivo, proporciona unha completa panorámica sobre a ría de Pontevedra. Para chegar a el, basta con seguir a coñecida como Ruta do Castelo, de tan só un quilómetro de lonxitude (circular) e que tamén nos levará ata a praia das Dornas.

Consello: A visita á illa de Ons precisa da solicitude dunha autorización previa que se pode obter online de forma gratuíta a través da web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal 

As autorizacións só están dispoñibles en tempada alta segundo o calendario fixado pola Xunta de Galicia e o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Cabo Udra

Liña divisoria entre as rías de Aldán e de Pontevedra, a subida ao miradoiro de cabo Udra pasa ao carón de antigos chouzos (cabanas de pastores) e dunha antiga batería militar construída para defender o sur de Galicia en momentos de guerra. Son simples testemuñas da posición privilexiada do cabo, no que ademais podemos atopar distintos puntos de observación de aves.

Un lugar máxico no que desconectar de todo e desfrutar co espectáculo natural dun solpor no mar.

O Faro de Domaio

O coñecido como monte Faro de Domaio ou Monte Xaxán non é en si un faro, aínda que se atopa nun punto privilexiado, por riba das rías de Vigo e Pontevedra. No seu cumio, a 622 metros, o punto máis elevado de todo O Morrazo, atópanse dous miradoiros de madeira desde os que se pode desfrutar dunha impresionante perspectiva das rías.

Sobrevoando a ría de Vigo, dende Soutomaior ata as illas Cíes, hai quen afirma que é posible ver até cabo Silleiro e a entrada da ría de Baiona. No outro lado, as rías de Pontevedra, Arousa e Muros-Noia, e incluso Fisterra nos días máis claros.

Quizais este é o motivo polo que o lugar xa foi escollido polos primeiros poboadores das rías Baixas como lugar sagrado. Son testemuña disto as mámoas que, desde hai miles de anos, permanecen ao abrigo do Monte Xaxán. Unha delas é Chan de Arquiña, unha das visitas imprescindibles de todo viaxe polo Morrazo. Segue vivindo O Morrazo con estas propostas.

Engádeo á túa viaxe:

Facho de Donón: GPS 42.276291, -8.861236
Enderezo: Garita de Donón, Donón, O Hío (Santo André), Cangas

Buguina de Donón: GPS 42.270821 -8.860795
Enderezo: Rúa do Couñal, 82, Donón

Porto de Aldán: GPS 42.2827686,-8.8222077
Enderezo: Avd José Graña SN, Aldán

Miradoiro de Paralaia: GPS 42.2984655,-8.7582714
Enderezo: Monte Paralaia S/N, Moaña

O Fisgón: GPS 42.281122, -8.7354297
Espigón Concepción Arenal S/N, Moaña

Miradoiro de Chans: GPS 42.3298903,-8.7422915
Enderezo: Chans de Cela S/N, Bueu

Miradoiro Punta da Mona: GPS 42.268721,-8.7490111
Enderezo: Lugar do Igrexario, 44, Moaña

Illa de Ons: GPS 42.3761736, -8.9327561
Enderezo: Barrio do Curro, Illa de Ons, Parque Nacional Illas Atlánticas

Cabo Udra: GPS 42.334972, -8.824817
Enderezo: Beluso (Santa María), Bueu

Miradoiros Faro de Domaio: GPS 42.315698, -8.704004
Dirección: Domaio (San Pedro), Moaña

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.