A igrexa parroquial de Santa Eulalia de Meira é unha edificación barroca que sufriu varias modificacións ao longo dos séculos XVII e XVIII. Ten planta de cruz latina, dunha soa nave, cruceiro cuberto con cúpula, capelas laterais a modo de transepto e a capela maior na cabeceira. A cuberta primitiva era de madeira, a dúas augas, como aínda se pode apreciar no arco que da paso da nave ao cruceiro, pero foi substituída en 1710 por unha bóveda de canón.