A igrexa parroquial de San Martiño de Moaña é un dos mellores exemplos do románico galego, aínda que perdeu a súa primitiva ábsida romana no ano 1763. Entón foi substituída por unha ábsida barroca. O primeiro documento no que se cita esta igrexa data de 1237, aínda que se calculase que o templo pode datar de finais do século XII.
A Igrexa de San Martiño de Moaña presenta planta de cruz latina, cuberta de falsa bóveda e torre lateral. A pesares da modificación do século XVIII, a igrexa conserva aínda a nave románica e unha interesante portada do século XII. Sobresae na referida portada o tornalluvias, que aparece sostido por dúas altas columnas de fuste monolítico. No tímpano hai unha curiosa representación de San Martiño, que aparece acompañado de San Emiliano, San Bricio e outros dous santos. Sobre os arcos que os acollen figuran os nomes dos santos. Son tamén moi destacables os canecillos dispostos baixo o beirado así como os linteis das dúas portas laterais.
Os brazos do cruceiro e o presbiterio cúbrense de bóveda de canón, mentres que a nave está cuberta de placa de cemento, substituíndo unha primitiva cuberta de madeira a dúas augas, por mor dunha urxente e desafortunada restauración nos anos 60.
O cruceiro e o presbiterio foron refeitos grazas á doazón que Lorenzo de Paredes, moañés indiano emigrado a Bogotá, fixo en 1763. O resto da igrexa conserva a primitiva traza románica.