O faro de Ons é un dos máis grandes e de máis alcance de España. Está situado no Cucorro, na parte máis alta da illa. É obra do arquitecto Rafael de la Cerda, quen construíu outro idéntico na illa de Rúa (ría de Arousa). Este faro acendeuse por vez primeira en 1865, revestiuse co azulexos en 1932 e foi dos últimos faros de petróleo a presión -cos de Sálvora e As Sisargas- que existiron. A partir de 1990 funcionou con enerxía fotovoltaica.
O primeiro proxecto de faro da illa de Ons, realizado polo enxeñeiro J. Elduayen, data do 20 de decembro de 1861. Elduayen deseñou o edificio distribuído en tres habitacións individuais –para o enxeñeiro, o torreiro primeiro e o torreiro segundo–, un almacén e un taller para as recomposicións. As numerosas ventás proporcionan unha gran luminosidade no interior. Todas as fiestras están rematadas con arcos de medio punto, ao igual que a porta de entrada.
Este primeiro faro, que comezou a funcionar o 13 de abril de 1865, constaba dun aparato catadióptrico de 5.º orde, luz fixa branca variada por escintileos cada 2’’ e un alcance de 17 millas. Situado sobre o nivel do mar a 128,4 metros e a 10,63 metros sobre o terreo.
Con aceite de oliva
A lanterna, adquirida por 10.746,50 das antigas pesetas, tiña unha lámpada de émbolo e peso que funcionaba con aceite de oliva. Trece anos despois foi substituída por unha para petróleo dunha mecha.
Nos anos 1902 e 1904 apróbanse diferentes normas para mellorar a iluminación do faro. As solucións que se adoptan non resultan ser as óptimas, o que provoca a construción dun novo.
Este novo faro inaugurouse o 4 de xullo de 1926. A construción realizouse coas dimensións do anterior e a 10 metros de distancia. A separación entre eles solucionouse uníndoos cun corpo que lle proporciona a súa configuración actual en forma de “U”.
As obras posteriores consistiron en pequenas reformas. Unha das últimas, foi a construción dunha sala museo na que se conserva o patrimonio histórico do servicio desde os seus inicios.