Excolexiata de Santiago de Cangas

A excolexiata foi forxada durante os últimos 500 anos de historia. Aínda que a maior parte da construción data do s. XVI , cada época foi engadindo a súa propia achega e estilo. No muro da zona sur consta a data de 1541 e asegúrase que a capela maior estaba rematada en 1548.

A nova edificación foi elevada a rango de Colexiata polo Papa Paulo III en 1545, aínda que se cre que o primitivo templo se remonta un século máis atrás. A fachada, con todo, non se levanta ata o 1585, sendo proxectada por Jácome Fernández e Antonio Vizoso, e constitúe unha das mellores e máis belas mostras da arte renacentista de toda Galicia.

De planta basilical, unha vez que entramos no interior sorpréndennos as bóvedas estreladas sobre altas e recias columnas que coroan as tres naves das que consta, alén da Capela Maior, tamén con bóveda estrelada de moitas claves e o seu espectacular retablo barroco, construído en 1744, entre cuxas imaxes destaca un Santiago ecuestre e outro peregrino.

A fachada, que é a obra máis recente, ten dous corpos de columnas estriadas xónicas e compostas. A orientación escultórica do frontón da fachada remite a temas bíblicos con varias imaxes. Todo o conxunto é de estilo plateresco renacentista. Na parte dereita á fachada tamén podemos admirar a torre, do século XVIII, distribuída en dous corpos con senllas balaustradas.

A excolegiata dispón doutras seis capelas, nas que podemos contemplar tallas de enorme valor artístico, sendo a máis afamada o ‘Cristo que non quixo arder’, que segundo o dicir popular sobreviviu milagrosamente en 1617 ao incendio da Colexiata por parte dos piratas turcos. Pero sen dúbida, ningunha goza de tanta devoción como o Santísimo Cristo do Consolo, excelente mostra do naturalismo barroco español, esculpido por Juan Pintos no 1796.

‘Fonte do cabalo’

Na praza lateral da excolexiata atopamos a ‘Fonte da Colexiata’. Tamén chamada popularmente ‘Fonte do Cabalo’, trátase dunha escultura en granito feita por Ignacio Cerviño en 1890, e representa unha escultura de Santiago Matamoros, é dicir do apóstolo Santiago na batalla de Clavijo (ano 844).

Está tallada nunha soa peza. Cerviño é autor tamén do Panteón de Ranqueta (situado non cemiterio de Cangas) e do Cruceiro de Hío, entre moitas outras obras que ten no concello.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.