A mámoa de Chan da Arquiña é un monumento megalítico funerario de grande riqueza arqueolóxica. Con máis de 5.000 anos de antigüidade, foi construído polos antigos poboadores de Galicia. A mámoa está semi enterrada, o que nos permite ver a entrada e o seu interior. Consta dunha cámara poligonal composta de 11 pedras verticais e dun corredor, formado por 5 pedras verticais. Está dentro da Ruta das Mámoas.
Este monumento funerario atópase nunha zona cha entre os cumios de Domaio e Xaxán, a unha altura de 548 metros. É probable que a mámoa sufrira alteracións. Ao longo da súa historia, foi espoliado por buscadores de tesouros.
Dimensións
O diámetro da cámara é de 3,45 metros. A súa altura, vai dos 2,20 aos 2,40 metros. Está formada por catorce pedras que se superpoñen de xeito que a anterior monta sobre a posterior. O mesmo pasa coas pedras da cuberta. O seu corredor está orientado cara ao Leste. Mide 1,70 metros de longo, 1,15 m. de altura e 0,95 m. de ancho na entrada. Na parte na que se une á camara, as dimensión son de 1,60 metros de altura e 1,60 metros de ancho.
Cabe lembrar que os antepasados cubrían estes enterramentos pétreos con terra, dando lugar á forma característica de “mama”, de onde provén o nome de “mamoa”.
En torno ao primeiro terzo do III milenio, procedeuse a clausurar o corredor deste monumento mediante unha lousa vertical de peche sobre a que se apoia un muro de pedras.
No interior da mámoa encontráronse restos de ocre, polo que puidera ter estado decorado con pinturas.
Durante a súa escavación, levada a cabo por Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza en 1953, atopáronse restos de varios vasos de cerámica e outros materiais como machadas e coitelos.
Dunha análise palinolóxica (estudo do pole e das esporas actuais ou fósiles) da terra que había no túmulo dedúcese que, na época na que se erixiu a mámoa, a zona estaba poboada por un bosque de carballos, bidueiros e ameneiros, co solo cuberto de breixos. Segundo varios historiadores, na zona existían outras cinco mámoas.A
A mámoa está situada no medio dunha grande área recreativa, formada por mesas, grellas e fontes, todo ao abrigo dun fermoso souto.
A mámoa de Chan da Arquiña foi declarada Ben de Interese Cultural e figura no inventario de Patrimonio Cultural de Galicia.