Castro de Montealegre

O Castro de Montealegre é un poboado castrexo da Idade de Ferro que se atopa na península do Morrazo, concretamente na parroquia moañesa de Domaio, situado nun outeiro de especial importancia, non só porque foi un dos primeiros escavados e publicados cientificamente en Galicia, senón tamén pola súa tipoloxía, pola súa situación xeográfica, polos seus petróglifos e, moi especialmente, pola conservación excepcional dalgún dos restos mobles atopados.

Este castro estivo habitado desde o século VIII a.C. até o  I d.C., e, segundo os expertos, trátase dun dos grandes recintos habitados de Galicia anterior á dominación romana, por detrás de Santa Trega, San Cibrao de Las ou Baroña. Tiña unha extensión dunhas 3 hectáreas, e podería ter chegado até o mar. Calcúlase que residiron nel unhas 300 persoas.

O castro conserva muralla e un gran foxo de delimitación e defensa. A primeira ocupación deste asentamento sitúase a comezos da Idade de Ferro, en torno ao s. VIII a. C. Desta primeira fase non se conserva ningunha estrutura. No século I a.C. o castro experimenta unha gran remodelación, que coincide cun momento de importantes transformacións na organización social e territorial causada pola progresiva irrupción do poder de Roma.

No castro atopouse material abundante, moedas, fíbulas, etc., que proban a súa romanización e os expertos coinciden na formación deste castro no período prerromano, grazas aos seus instrumentos neolíticos, caracteres da cultura megalítica do Noroeste.

O poboado fortificado atopábase nun estado de conservación relativamente bo. A finais do ano 2020 termináronse os traballos de consolidación e rehabilitación para poder ser visitado.

Na zona oeste encontrouse un gran ‘cuncheiro’ (vertedoiro de cunchas) con restos de moluscos e bivalvos que formaban parte da alimentación dos seus poboadores. Na beira norte, atopouse un manancial de auga escavado en forma de mina coñecido como A Cova da Londra, do que se cre que xurde a lenda de que había un túnel que conectaba o poboado con Rande.

Dedúcese que os seus habitantes tiveron un importante comercio con produtos do Mediterráneo, por restos de vaixelas encontrados, recipientes de vidro, e sobre todo polas ánforas de viño. O poboado abandónase na segunda metade do século I. d.C.

Petróglifos

Dentro do recinto, sobre as rocas, pódense ver varios gravados ou petróglifos cuxa antigüidade é anterior ao castro. O máis característico é o coñecido como ‘El degolladero” cunhas 115 coviñas distribuídas en grupos. Foron declarados BIC en no ano 1974.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.