Esta antiga casa mariñeira, con patín e soportal, é das poucas en Galicia con estes dous elementos arquitectónicos. Trátase da mostra máis representativa da arquitectura popular mariñeira típica das rías Baixas, sendo a vivenda mariñeira por excelencia.
O patín que é a escaleira exterior de pedra, podería ir cuberta, prolongando o tellado, e o seu uso podía ser múltiple: de acceso á vivenda, tomar o sol ou o fresco, como lugar de reunión polas noites, onde ataban ou cosían as redes as mulleres, tender a roupa ou se poñer as redes a secar.
A vivenda máis singular contaba cun único espazo no que había un pequeno cuarto para a cama e o roupeiro, a cociña con “lareira”, un vertedoiro, unha mesa con bancos e nalgúns casos retrete separado cun tabique de táboas. A adega estaba destinada a gardar as artes de pesca e dispoñían de cortellos para a cría de animais.
A Casa do Patín está totalmente restaurada, polo que foi galardoada co distinguido premio á recuperación do patrimonio histórico do Concello de Cangas. Situada en pleno casco vello, a día de hoxe é unha hospedería.