Capela feita a base de perpiaño granítico labrado, con planta rectangular, que se atopa no interior do Pazo de Santa Cruz, en Bueu. Foi fundada no ano 1671 por Fernando da Rúa e Freyre. Na súa fachada principal podemos ver unha porta de acceso con arco de medio punto.
No interior existiu un retablo do que hoxe só se conservan dúas imaxes. Este retablo mandouno facer Antonio Casimiro Pimentel no ano 1796. En 1877 foi restaurado polo seu neto, Melitón Pimentel. O máis destacado desta capela son os conxuntos escultóricos situados nos extremos superiores da fachada principal e no pequeno púlpito situado nun dos laterais. Representan a un grupo de músicos tocando a gaita.
No altar maior atópase a imaxe de Santa Ifixenia, unha representación negra feita en ébano e marfil. Esta orixinal talla foi colocada na capela cando o pazo pasou a ser propiedade da familia Pimentel. A santa é de orixe etíope. O feito de que sexa negra obedece a que está dedicada a unha mártir católica que morreu torturada e queimada na fogueira en Etiopía. Por este motivo, moitos romeus achéganse a ela en busca de curas para os problemas da pel e as queimaduras.