O Buraco está constituído por unha sima de 43 m de profundidade, con planta en forma de xe, que chega ao mar a través dun pozo e dunha galería. No alto do cantil hai un valo protector, que rodea a boca da sima, e un miradoiro. Desde aquí albíscase a canle e a boca da galería inferior.
Hoxe en día non se pode acceder á sima, xa que no ano 2003 houbo un derrube importante, tras dun temporal, que fixo que grandes bloques de pedra taponasen a canle de entrada. Alí, a auga bate moi brava e cóase polas fendas entre os bloques caídos, facendo moita escuma. No interior, fórmase un pequeno lago, branco pola escuma que, cos poucos raios de luz que reflicte, produce un efecto misterioso.
Berros e queixumes
O Buraco do Inferno chámase así porque, sobre todo nos días de temporal, oíanse berros e queixumes que viñan do oco da furna. Segundo as lendas, eran as queixas das almas levadas polo demo. Os insulares máis vellos lembran historias de como, cando se levaba o gando a pastar pola zona do buraco, os animais afastábanse del. Non así as persoas, que eran atraídas polo son que viña do foxo, co perigo de caer dentro.
Tamén din que, cando un náufrago non daba aparecido, era porque o tiña o demo atrapado. Entón, os veciños facían a «procesión dos fachos», encabezada polo cura ou a meiga. Rodeaban o burato e dicían unhas palabras. Logo guindaban os fachos prendidos polo oco abaixo, para que o demo soltase o cadáver.