A Finca do Frendoal, o ‘Bosque Encantado’

O Bosque Encantado é o nome co que se popularizou a Finca do Frendoal, situada na parroquia canguesa de Aldán. A historia deste lugar remóntase a varios séculos atrás. Este lugar tamén recibe o nome de Leira dos Condes,

Nesta finca, existe un pazo coñecido como Casa Torre de Aldán que é propiedade dos Condes de Canalejas. Este pazo posuía unha finca de grandes dimensións que usaban os familiares e amigos dos propietarios para a caza e outras actividades lúdicas. Ao construír a estrada principal, a finca quedou dividida. Hai uns anos foi doada temporalmente ao Concello de Cangas para que puidese ser desfrutada polos cidadáns.

A finca atópase no quilómetro 109 da estrada PO-315, xusto diante do pazo. Unha das maneiras de acceder é a través do río Orxas, onde hai unha vella ponte medieval á beira dun rústico lavadoiro.

Para entrar na finca, hai que camiñar por un sendeiro rodeado dunha espesa e fermosa vexetación. Árbores centenarias conviven coas silvas e outras plantas silvestres. O río Orxas discorre paralelo ao camiño e pode verse un antigo muíño na súa beira.

O castelo

Moi preto, o visitante pode divisar unha torre pertencente a un castelo, do que só se conserva a fachada e algunha dependencia que se atopa por debaixo do desnivel de terra que hai na parte posterior. Este castelo foi construído nos anos 60 do século pasado e nunca chegou a terminarse. O edificio conta tamén cun pequeno foxo con ponte levadiza na parte frontal.

Continuando a visita, só uns metros máis adiante, aséntase un vello acueduto de cachotería, coñecido con nome como Arco dos Mouros ou Arco da Condesa. A construción data do século XVII ou XVIII. Este acueduto salva o Río Orxas.

Posiblemente, a orixe deste arco estea relacionada cunha salgadura que houbo baixo a Torre de Aldán, á que o acueduto enviaría auga procedente do río. Con posterioridade, foi utilizado polos Condes de Canalejas para o regadío dos seus cultivos.

A finca de Frendoal conta cunha serie de bancos de pedra. Algúns deles foron feitos cun sarcófago medieval partido pola metade. Ao lado, poden verse os restos dos chamados ‘Xardíns Históricos’, construídos para deleite da familia. No bosque hai carballos, castaños, loureiros, bidueiro e incluso algunha especie exótica introducida polos condes.

‘Cama do xudeo’

Despois de atravesar a Finca do Frendoal e unha vella ponte, atopamos varios elementos patrimoniais de interese como o Pazo Torre de Aldán ou a igrexa parroquial de San Cibrán de Aldán. Xunto ao pazo existe una pequena elevación rochosa onde se levanta un vello pombal posiblemente ligado ao pazo. No alto da rocha atópase un sarcófago antropoide labrado na mesma pedra que podería datar de épocas alto medievais. Trátase do Sartego da Laxe ou da Cama do Xudeu.

Tamén coñecida como A Cama do Demo, trátase dunha tumba da Alta Idade Media, situada na parte superior dunha gran mole de pedra de 20 metros de altura. A lenda sitúa ao demo (ou a un xudeu) coma inquilino da tumba, que usaría cada sábado cunha muller diferente para ter un fillo por semana. É unha tumba normanda emparentada coa época sueva.

Proxecto participado por

Síguenos

Contacta

© Mancomunidade do Morrazo. Todos os dereitos reservados.